Central sindical contra os acordos do ‘diálogo social’ entre CCOO/UGT e PP, por suporem um aval ao Governo

A central nacionalista denuncia a utilización electoralista por parte do Goberno da Xunta de Galiza dunha problemática tan grave como o desemprego.

Diante dos acordos que veñen de asinar a Xunta de Galiza, a CEG, CCOO e UGT, no que denominan mesas de diálogo social, dende a CIG queremos facer as seguintes consideracións ao respecto:

Unha vez máis, a imaxe da vergoña.

1.- Os altos niveis de desempregos que existen hoxe en día en Galiza. na mocidade e nas persoas maiores de 45 anos son culpa das políticas económicas e laborais do PP, abrazadas entusiasticamente pola CEG.

2.- Se os mozos e mozas galegas non teñen emprego, ao igual que acontece co colectivo de maiores de 45 anos, non é por un problema de falta de formación ou de baixa cualificación profesional. Para corroborar isto non hai máis que fixarse nos miles de mozos e mozas que están a emigrar no noso país, que se por algo se caracterizan, é precisamente pola súa alta cualificación profesional.

A razón real de que non teñan un posto de traballo reside en que non se está creando emprego, senón que máis ben estase a destruír o existente, porque non se están a aplicar, por parte do Partido Popular, as políticas económicas e laborais axeitadas para reactivar a economía e xerar emprego de calidade. Como son, por exemplo, o incremento do investimento público, a mellora dos salarios, facilitar o acceso ao crédito á pequena e mediana empresa, aplicar unha política fiscal na que pague máis quen máis ten, etc.

3.- A grave problemática dos desempregados e desempregadas de longa duración, moitas destas persoas en grave risco de caer na pobreza e na exclusión social, non se soluciona porque a unha parte das mesmas, ás que teñen responsabilidades familiares, se lles dea unha axuda de 426€ ao mes, por un período de seis meses. O que verdadeiramente precisa este numeroso colectivo é que se lles garanta un salario de inserción laboral mentres non atopen un emprego en condicións dignas, conxuntamente coa posta en marcha de políticas económicas que axuden a reactivar a economía e a crear emprego.

A este respecto, a CIG insiste en que basear a creación de emprego exclusivamente nun problema de políticas activas a través de investir en formación ou de achegar inxentes cantidades de recursos públicos para a subvención da contratación, non é ningunha novidade. Xa se veu practicando durante os últimos anos e neste tempo non contribuíu, nin contribuirá, a que se cree máis emprego. O único que si asegura é que os empresarios teñan man de obra barata ao seu servizo e incrementen a finais de mes os seus beneficios con cargo ao erario público.

4.- Se o PP e a Xunta de Galiza consideran que deben de promover estas políticas para reducir o desemprego na mocidade ou para corrixir un mínimo o recorte que meteron con anterioridade nas prestacións por desemprego, podíano ter feito sen montar esta parafernalia; ao igual que fixeron no seu momento coa contrarreforma laboral, a da negociación colectiva, ou a das pensións. Medidas para ás que lles preocupou moi pouco se os sindicatos estaban ou non de acordo.

5.- Xa que logo, montar esta parafernalia mediática nestes momentos ten unha finalidade claramente electoralista, xa que estamos diante de procesos electorais durante o ano 2015 de grande transcendencia e, polo tanto, búscase por parte do PP unha foto á que lle poida sacar rendibilidade electoral.

Se resulta lamentábel que a Xunta de Galiza utilice unha problemática social tan sensíbel como esta con fins puramente electoralistas, resulta bastante máis grave que organizacións sindicais que se din de clase colaboren nesta posta en escena e neste intento de mellorar a imaxe pública do PP, amosando unha actitude totalmente servil e de «tontos útiles».

Cabe preguntármonos se nas actuais circunstancias de recorte de dereitos e de precarización das condicións laborais, este segue a ser o modelo sindical de «diálogo social» que lle ofrecen estas dúas organizacións á clase obreira galega ou se a maiores, existe outra motivación como é ter que pagar certos favores tanto ao PP como á patronal, nun momento no que no campo sindical tamén se xoga un proceso electoral moi importante. O cal é igual de lamentábel.

Dende a CIG manifestamos o noso firme rexeitamento a este tipo de acordos que en nada van mudar a situación económica, a problemática do paro de longa duración, nin van facilitar que a mocidade atope un traballo na nosa terra. Seguimos reiterando a nosa discrepancia con este modelo de «diálogo social» que non é tal, e que pasa permanentemente por unha renuncia a defender, por parte das centrais sindicais que o practican, os intereses da clase obreira, así como unha renuncia á mobilización e a esixir na práctica ao poder económico e político medidas que supoñan un cambio real no actual modelo económico e produtivo de capitalismo neoliberal ao servizo dos intereses da oligarquía española.

NOTICIAS ANTICAPITALISTAS