
O estornudo dos morcegos
A Emmanuel Mounier, in memoriam
Desque teño uso de razón, a institucionalidade cultural, a prensa e a clase política de Galicia – non sen a cómplice colaboración de escritores e artistas, sexa por acción ou omisión da palabra – retroalimentouse sempre do mito da autosuficiencia. Por autosuficiencia entendo a ilusión de que no plano simbólico e cultural podemos bastarnos a nós mesmos sen necesidade de sair a explorar o que acontece noutros ecosistemas culturais – aclararo tamén que por ecosistema cultural refírome ao que acontece non só no ámbito narrativo e literario, senon tamén no científico, filosófico e tecnolóxico -.
É esta autosuficiencia, precisamente, a que perpetúa a condición pasiva de Galicia coma topos xeográfico, cultural, e político – o cal implica dicir tamén ético e simbólico –. Pasiva, no senso de esperar a recibir o impacto para reaccionar ou crear. Pasiva, no senso de procurarse a sí mesma no que outros din e fan máis alá do noso topos para sentírmonos seguros de que imitalo ou reinterpretalo non será censurado por ningunha autoridade do estética, ética ou científicamente correcto na Galicia que, con moita rexouba e comicidade, Xosé Manuel Beiras adoitaba calificar como autoanémica.
Realidades concretas e singulares precisan, ás veces, remedios concretos e singulares. Non se albisca nin a curto, nin a medio nin a longo prazo unha proxección orientativa do tipo de sociedade que queremos deixar ás xeracións precedentes. Non existe o bosquexo dunha política enerxética que devolva aos comúns, ás persoas de carne e oso, a xestión doméstica dos seus propios consumos. Presuponse que dende unha ética da autosuficiencia e da contención, non dende unha perspectiva productivista da procura do máximo beneficio posible no menor tempo posible.
Non existe unha política que aposte por unha pedagoxía afectivo-sexual libre de residuo e esterotipo hetero-normativo e patriarcal. Esa pedagoxía activa non ten materialización nos centros educativos: é unha mera declaración ético-moral de principios suxerida no papel, mais non existe o contido filosófico e sociolóxico que poida inspirar unha didáctica adaptada a diversos tramos de idade. Se do que se trata é de normalizar a idea de que existen moitos xeitos de vivir a dimensión afectivo-sexual do ser humano, dende logo que a didáctica necesaria brilla pola súa ausencia.
Os centros educativos non son, nen moito menos, os únicos transmisores e reproductores de cultura, por suposto, e toda actividade humana que implique relación co outro é ambivalente. Ambivalente no senso de que non existen fórmulas pedagóxicas máxicas e perfectas para según qué propósitos, e no senso, tamén, de que en toda relación humana individual existe un condicionante social e cultural profundo. Mais se vivimos nun país de mentalidade colonial, cunha lingua e unha cultura de seu progresivamente minorizada, interpretada coma un elemento simbólico e cultural inútil, é evidente que calqueira intento de empoderamento simbólico e cultural vai resultar automáticamente sospeitosa por toda a sociedade en tódolos seus sectores: estaríamos obrigados a movernos entre o rexeitamento lexítimo dos suxeitos que consideran que estar integrado nunha sociedade non pasa necesariamente por encaixar nun relato simbólico normalizado pola institucionalidade editorial, política e cultural de Galicia, por un lado, e a fiscalización constante dos axentes editoriais, políticos e culturais consagrados no país que, todo hai que dicilo, siguen na súa meirande parte ancorados nunha mentalidade histórica que oscila entre os esquemas decimonónicos que inspiraron aos primeiros movimentos nacionalistas periféricos de Europa – señores, vivimos no ano 2020, observen o modo en que vivimos coas súas luces e sombras – e a mentalidade do xestor eficaz que se impón entre aqueles sectores que conciben o topos mental e afectivo da política coma unha mera tarefa administrativa ao servizo das demandas dos cidadáns en tanto que usuarios dunha administración e non en tanto que seres humanos, con toda a batería de dereitos cívicos, políticos, culturais e económicos que emanan desa concepción do suxeito en tanto que persoa.
É, abofé, unha concepción do mundo radicalmente vulgar e empobrecedora en ámbolos polos do conservadorismo: o primeiro, ante a preguiza de comprender o presente, reproduce proxectivamente esquemas do liberalismo político do século 19 para disimular que non existe unha profunda cesura entre a vida cotiá e a nutrición cultural que ofrecen as institucións educativas e políticas. Ou, falando claramente, as inquedanzas vitais e existenciais das xeracións que nos preceden non van a sentirse recoñecidas nese topos mental. O efecto distanciamento e a alteridade de linguaxes, mentalidades e xeitos de facer será tan grande que chegará un momento en que a cultura, no senso institucional e público da palabra, será percibida polas novas xeracións coma unha vacua acumulación datos coa que non logran experimentar o máis mínimo sentimento de autorecoñecemento nin establecer un diálogo interxeracional.
O segundo polo, ante a preguiza, o medo e a imposibilidade de considerar a política coma unha creación colectiva, tanto no ámbito do pensamento coma no ámbito do bios -a vida-, o oikos -espazo doméstico-, o traballo, o Eidos –o pensamento– e o Eros –o afecto, a sensibilidade-, seguirá fechándose en sí mesmo, vivindo nun mundo irreal de fidelidades meramente institucionais e corporativas e reproducindo material e simbólicamente a institucionalidade, a legalidade e a moral hexemónica dun modelo de civilización que chegou a quebrar e agotar case por completo a necesaria homeostase -equilibrio- da biosfera terrestre. Esa homeostase sen a que nós, a humanidade pensante e sentinte, xunto con tódalas formas de existencia, podemos sequera existir.
Hoxe, 19 de Marzo de 2021, inseridos coma estamos neste proceso pandémico, é unha boa data para recordarnos a nós mesmos que a nosa fortaleza coma especie é tan sólida como as consecuencias derivadas dos estornudos dun morcego nun mercado cárnico clandestino sito a centos de miles de kilómetros dos nosos fogares. ¿Hipérbolización absurda da metáfora da mariposa que crea o furacán?. Non. É a febleza e ambivalencia da humana conditio, paradóxicamente expresada na súa tendencia á Hybris, á desmesura e á falta de reflexión sobre as consecuencias das súas accións.
Mais todo isto tiña e ten solución, non se preocupen. O que acontece é que creo que non lles vai interesar. A solución é cortar a madeira xusta para facer fogueiras e contar contos na noite, deixar aos morcegos tranquilos na súa cova, contentarse con productos locais de temporada e viaxar en pe, en bici ou en tren cando sexa posible: o seu país tamén é fermoso aínda que non o perciban tan exótico coma na foto dunha axencia de viaxes. Tenten descubrilo tamén. Xa de paso, como punto de partida, lean aos gregos baixo unha mazaira.
Non era tan difícil impedir todo isto, non, mais esta civilización, aposentada sobre a relixión laica da liberdade sen a determinación dos seus límites, ten as súas consecuencias. Velaquí a tivemos. Velaquí a temos.
Mentras tanto, seguirei esperando no meu fogar polo seguinte infarto económico ou pandémico. Se lles son sinceiro, non confío en absoluto en vostedes.